09 Xuñ A capoeira toma mañá o Café de Altamira

A terraza do Café de Altamira, na Praza de Abastos de Santiago, acolle mañá venres unha exhibición de capoeira da escola Iandê.

A terraza do Café de Altamira combina mañá a súa cociña de mercado coas artes marciais e a cultura para acoller unha roda de capoeira a cargo da escola Iandê. A exhibición forma parte do VIII Evento de Capoeira celebrado por Iandê en Santiago de Compostela, no que Café de Altamira participa como patrocinador. Este ano é unha ocasión máis especial, pois tamén se conmemora o 75 aniversario da apertura da primeira academia de capoeira legal, fundada en Salvador de Bahía (Brasil).

A capoeira é unha práctica cultural de orixe afrobrasileña que combina a loita con movementos de danza, acrobacias e música, o que fai que poida ser considerada ao mesmo tempo unha arte marcial, unha danza e un deporte. En 2014, o círculo (roda) de capoeira foi declarado Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO.

A exhibición na terraza do Café de Altamira, na compostelana Praza de Abastos, comezará maña, venres 10 de xuño, ás sete da tarde. Aínda que a roda de capoeira na Praza de Abastos é a única actividade programada para o venres, o VIII Evento de Capoeira inclúe diversas actividades, como cursos e graduacións de alumnos, que terán lugar entre hoxe e o sábado en escenarios coma o Multiusos do Sar ou o Pabellón Lorenzo de la Torre.