13 Xuñ A capoeira tomou a terraza do Café de Altamira

O grupo Iandê de Santiago ofreceu o pasado venres unha exhibición de capoeira na terraza do Café de Altamira, na Praza de Abastos. Esta roda de capoeira formaba parte dun evento de capoeira que incluiu actividades en varios puntos da localidade compostelana durante toda a pasada semana. Café de Altamira, que combina a súa aposta pola cociña de mercado co apoio á cultura, foi un dos patrocinadores deste evento.

Iandê, que ten grupos en diversas localidades españolas destinados á ensinanza e a promoción da capoeira, ofreceu na Praza de Abastos unha demostración en aberto da roda, a formación típica desta disciplina: nunha roda de capoeira, instrumentistas e loitadores colócanse en círculo deixando un espazo central onde ten lugar o “jogo”, o enfrontamento entre dous capoeiristas. Os capoeiristas que agardan na roda o seu turno para sustituir a un dos “jogadores” animan con cantos e palmas ao ritmo da música. Neste caso, tamén moitos dos composteláns que puideron ver a exhibición na Praza de Abastos uníronse aos cantos de ánimo.

A combinación entre a música da roda e os movementos acrobáticos dos “jogadores” fai da capoeira un espectáculo único, que nos últimos anos acadou unha gran popularidade en todo o mundo. Debido á súa combinación de arte marcial, deporte e manifestación cultural afrobrasileña, a roda de capoeira foi declarada pola UNESCO Patrimonio Inmaterial da Humanidade en 2014.

Ademáis da exhibición de capoeira que os composteláns puideron seguir na terraza do Café de Altamira, este VIII Evento de Capoeira de Iandê en Santiago incluiu outras actividades como cursos no Pabellón Lorenzo de la Torre e no Fontes do Sar ou o bautizado e cambio de graduacións dos alumnos de Iandê, que foi o peche do programa de celebracións.

Ademais, o evento deste ano era especial para o grupo de capoeira porque con él tamén se conmemoraba o 75 aniversario da primeira academia de capoeira legal en Salvador de Bahía (Brasil).