01 Xuñ Café de Altamira acolleu a previa do Obradoiro-Unicaja

Café de Altamira, posuidor do selo Galicia Calidade de restauración, acolleu a rolda de prensa previa ao último partido da tempada para o Río Natura Monbús Obradoiro.

O baloncesto foi o protagonista no Café de Altamira o pasado maio, ao acoller a rolda de prensa previa ao último partido do Río Natura Monbús Obradoiro desta tempada. O partido, que enfrontou ao equipo de Santiago de Compostela co Unicaja, estivo patrocinado por Galicia Calidade, cuxa certificación posúe Café de Altamira en recoñecemento á súa cociña de mercado.

Moncho Fernández, entrenador do Río Natura Monbús Obradoiro, atendeu aos medios de comunicación dende o Café de Altamira acompañado por Queco Arias, un dos socios do Café e do Hotel Pazo Altamira; Alfonso Cabaleiro, xerente de Galicia Calidade; e Óscar Rodríguez, conselleiro do Obradoiro e xerente de Espiña&Delfín.

Queco Arias transmitiu en nome do Café de Altamira os seus parabéns ao clube de baloncesto compostelán “por seguir loitando un ano máis na maior liga europea, traballando dende a humildade e reinventándose cada ano”. Con este partido, o Obradoiro celebraba coa súa afección a súa permanecia na Liga Endesa de cara a próxima tempada, que quedara garantida coa súa victoria da xornada anterior en Andorra.

Alfonso Cabaleiro, o xerente de Galicia Calidade, lembrou que para o selo é un orgullo ser un dos patrocinadores do club de baloncesto, xa que “cremos que o deporte e a cultura son elementos fundamentais para a promoción dunha terra”. Óscar Rodríguez, conselleiro do Obradoiro, declarou que o equipo espera seguir contando co apoio do selo de calidade moito tempo, “o mesmo no que nós portaremos a identidade galega alá onde vaiamos”

O selo Galicia Calidade certifica a calidade de produtos e servizos galegos. O Café de Altamira, situado en plena Praza de Abastos de Santiago, no edificio do Pazo de Altamira, conta con esta certificación grazas á súa combinación da tradición culinaria galega e dos produtos de mercado de gran calidade coas tendencias máis innovadoras da gastronomía contemporánea.