29 Mai Cata de Viña Sastre en Café de Altamira

Café de Altamira organizou unha cata dos viños de Hermanos Sastre, adega referente da D.O. Ribera del Duero.

Café de Altamira acolleu o pasado 26 de maio unha xornada de cata para dar a coñecer os viños de Bodegas Hermanos Sastre, un dos referentes da Denominación de Orixe Ribera del Duero. Clientes e amigos do restaurante, situado en plena Praza de Abastos de Santiago, puideron coñecer mellor os viños desta adega, que sen dúbida serán unha gran opción para acompañar algúns dos menús de mercado do restaurante.

O acto estivo dirixido polo xerente da adega, Eugenio Bayón Bayón; e por Enrique Fandiño, comercial de Almacenes Moure, empresa distribuidora de Viña Sastre na zona. En primeiro lugar, realizouse unha breve presentación da marca e un resumo da historia da adega, unha empresa familiar que conta con 45 hectáreas de vides de máis de 50 anos en La Horra (Burgos). A tradición vitivinícola da familia foi iniciada por Severiano Sastre na década dos 50 do pasado século, pero foi o seu fillo Rafael o que en 1992 creou a marca que hoxe coñecemos.

O acto tamén serviu para dar a coñecer a filosofía da marca: elaborar unha produción limitada con ilimitados coidados, apostando polo cultivo tradicional e ecolóxico, pero sen renunciar aos avances tecnolóxicos.

Tras esta primeira toma de contacto coa historia da adega, chegou o momento da cata, que permitiu aos asistentes probar catro dos viños de Hermanos Sastre: Viña Sastre Roble 2014 e Viña Sastre Crianza 2012, que pertencen á liña máis tradicional da adega; e Regina Vides 2012 e Pago Santa Cruz 2012, dous dos viños de máis categoría da marca.

Con esta iniciativa, Café de Altamira quere ofrecer aos seus clientes novas experiencias gastronómicas. Os afeccionados aos viños de calidade poden optar por un Ribera del Duero de Viña Sastre para acompañar unha comida ou cea no Café cos mellores produtos de mercado; ou, simplemente, para gozar dun aperitivo de primeira en calqueira momento do día.