23 Xuñ Comezan os concertos ao solpor no Café de Altamira

Este mércores 22 de xuño as dez da noite comezaron os concertos ao solpor nas terrazas do Café de Altamira e do pub Chocolate na rúa Ameas, xunto ao Mercado de Abastos de Santiago. O dúo Le Pompé será o primeiro en acompañar cos seus acústicos os aperitivos e pratos de mercado servidos ao aire libre na zona exterior do noso Café.

Aínda que as sesións de concertos na terraza terán lugar ao longo de todo verán os xoves pola noite, esta primeira velada musical adiántase para o mércores por mor das celebracións da noite de San Xoán. Le Pompé, o dúo que inaugura este ciclo musical, recupera temas do jazz francés dos anos 20 aos 40, interpretados por Ángela Neto ao violín e Dennis Romero á guitarra. Non será o seu primeiro paso polos concertos ao solpor de Café de Altamira e Chocolate, xa que tamén foron un dous grupos que participaron no ciclo do pasado verán.

Se ben o jazz é o protagonista da primeira velada musical, non será o único xénero que teña cabida neste ciclo de concertos. Ao longo de todo o verán, ata finais de setembro, o Café de Altamira e Chocolate contarán con grupos composteláns representantes de todo tipo de estilos musicais, dende o rock á música clásica, para crear unha oferta para todos os gustos da que iremos informando puntualmente nas nosas redes sociais.

Este ciclo de concertos na terraza é xa un clásico na programación estival do Café de Altamira en colaboración co local veciño, e supón unha aposta por ceder un espazo ás actividades de expresión cultural e por permitir aos comensais gozar dunha experiencia máis completa, xuntando música e gastronomía. E todo isto nunha contorna privilexiada, en plena zona monumental de Santiago.