02 Jun Café de Altamira colabora con el proyecto teatral Voaxa e Carmín

Café de Altamira, o Hotel Pazo de Altamira e O Curro da Parra colaboran con Voaxa e Carmín, o primeiro proxecto teatral da 32ª MIT Ribadavia 2016.

Café de Altamira, o Hotel Pazo de Altamira e O Curro da Parra colaboran con Voaxa e Carmín, o primeiro proxecto teatral que acollerá a 32ª edición da Mostra Internacional de Teatro Ribadavia 2016. Café de Altamira, situado na Praza de Abastos compostelana e especializado en cociña de mercado, ofrece así o seu apoio a unha produción inspirada nas vidas das dúas Marías, dous dos personaxes máis populares da historia recente de Santiago.

Voaxa e Carmín é un proxecto de Eme2 e ButacaZero cuxa autora é Esther Carrodeguas, que foi galardoada co X Premio Abrente de textos teatrais en lingua galega. Recuperar as voces silenciadas é o obxectivo principal desta peza teatral, segundo explicou a dramaturga, que define a súa obra coma unha comedia terrorífica.

As irmás Maruxa e Coralia, as dúas Marías, fixéronse coñecidas na Compostela dos anos 50 e 60 polos seus paseos pola Zona Vella e os seus extravagantes atuendos, que contrastaban co ambiente gris da época. Sufriron duras represalias durante o franquismo pola ideoloxía da súa familia, o que as sumiu a pobreza e fixo que durante anos tiveran que subsistir grazas á axuda dos composteláns. A estatua que as lembra no parque da Alameda é un dos monumentos máis característicos da cidade, e as dúas Marías son hoxe para moitos un símbolo da resistencia á represión.

O texto da obra publicouse recentemente en forma de libro, e presentouse o pasado 23 de maio na libraría Couceiro de Santiago. Ao acto asistiron a autora, Esther Carrodeguas; as actrices Mabel Rivera e Belén Costenla, que darán vida ás dúas Marías na representación da obra; o director da MIT Ribadavia, Roberto Pascual; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o director da montaxe teatral, Xavier Castiñeira.

Trala estrea na Mostra de Ribadavia, que se celebrará do 16 ao 24 de xullo, Voaxa e Carmín sairá de xira por Galicia. Pero xa antes da MIT poderá verse un adianto en formato ShowCase no Galicia Escena Pro, que se celebra en Santiago do 6 ao 9 de xuño.